top of page
cole.jpg

  Sobre Nós  

O Centro Educativo

 

O Colexio Público da Ramallosa construíuse no ano 1975. Está situado no Concello de Teo e polo tanto, adscrito ó I.E.S. de Cacheiras.

No CEIP da Ramallosa somos conscientes da relevancia da transformación das comunidades de aprendizaxe, e esforzámonos día a día para seguir incorporando metodoloxías innovadoras e motivadoras na aula. Prestando especial atención no día a día, á "educación emocional" dos cativ@s e a sementar neles valores tan importantes como; "o amor polo noso", a humildade, o respecto...

O Proxecto

 

Este Proxecto de Percusión Tradicional Galega, nace coa idea de darlle a presenza e relevancia que se merece á nosa música e cultura.

De xeito que os escolares do Ensino Público regrado, desfruten da riqueza instrumental que temos como pobo.

Mimando e conservando así, as nosas tradicións de xeración en xeración.

Para isto, a parte do traballo nas clases presenciais semanais, contaremos coa axuda online dalgúns dos mellores músicos do noso país.

Escolas de Música e Baile Tradicional do noso Concello

Con este proxecto, pretendemos principalmente ser unha fonte de motivación, para que moitas e moitos de vós, (a través desta nosa semente) dedes o paso a seguir medrando nestes instrumentos a través das Escolas Profesionais na materia que temos no noso Concello.

Animámovos a premer nas seguintes imaxes, para coñecer máis cousiñas delas.

Logo SR Calo 2_png.png
A._C._Rosalía_de_Castro_(Cacheiras).jp
A. C. A Mámoa (Luou).jpg
C. C. A Ponte Vella (Reis).jpg
Música Tradicional Galega

A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental[1].

 

HISTORIA:

A orixe da música tradicional galega é escura. As primeiras referencias remóntanse á música medieval, mais aínda que se conserven varios cancioneiros xeralmente non inclúen notación musical. Hai algunha excepción como Martín Codax (trobador do século XIII) ou Don Dinís, pois consérvanse dous pergamiños coa letra e música das súas composición (pergamiño Vindel e pergamiño Sharrer). Significativas son tamén as Cantigas de Santa María de Afonso X, non só por incluír a parte musical, senón que pola súa extensión e calidades subliñan a importancia da cultura galega da época, tanto no eido musical como no literario.

Sábese que a gaita era común naquela altura, e que en xeral existían xa os principais instrumentos presentes na tradición musical: gaitas, zanfonas e instrumentos de corda aparecen en códices, capiteis románicos ou no ben coñecido Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Estas representacións permiten a reconstrución dos instrumentos e fan posible as interpretacións actuais da música medieval.

Coincidindo cos Séculos escuros e a decadencia do uso culto da lingua e cultura galega, a música tradicional pasa a ter unicamente como vía de transmisión a oral, que se pode reconstruír a través das panxoliñascantos de bercede cego e outras mostras musicais que chegaron até a actualidade.

Non foi ata finais do século XIX e comezos do século XX cando se produciu unha reivindicación da tradición, en ocasións de mans do nacionalismo político. Por unha banda houbo as primeiras recolleitas sistemáticas e publicadas: Marcial del AdalidIsidoro Hernández e José Inzenga son os primeiros dunha longa lista de investigadores que trataron de estudar a nosa música. Por outra banda, salientaron figuras como Perfecto Feijoo, gaiteiro e zanfonista, que fundaría Aires d'a terra. Esta coral durante 14 anos levaría a música galega por distantes xeografías e realizaría a primeira gravación comercial de música galega en 1904. Este sería un dos varios coros galegos que viron a luz naquela época e que bebían das fontes tradicionais para o seu repertorio, que logo interpretaban fronte a elites urbanas, dentro do movemento musical europeo chamado coralismo.

Tamén durante a primeira metade do século destacan as figuras de Ricardo Portela ou Avelino Cachafeiro, que son fonte de inspiración de moitos músicos posteriores e que dignificaron o instrumento da gaita e o seu significado social.

Paralelamente a esa reivindicación dábanse certas condicións que, igual que noutras entidades étnicas europeas, a interpretación espontánea fose esmorecendo; por unha banda, o ambiente rural foi mudando e desaparecían os traballos comunais, principais momentos onde xurdía a música. Por outra banda, a emigración que afectou a Galicia durante os séculos XIX e XX impediu unha completa transmisión oral.

Durante o franquismo, a música tradicional foi forzada a adaptarse á visión política do momento, e as manifestacións máis vistosas foron transformadas en espectáculos patrióticos, o que conduciu ao declive na popularidade dos estilos tradicionais (o "folclorismo"), a castelanización das letras e a deturpación tanto das formas musicais como das danzas que as acompañaban. Non sería até a desintegración e caída do franquismo que a tradición non volveu a ter sido en conta, tanto por novos grupos (Fuxan os ventos é o caso máis salientable neste senso) como por agrupacións folclóricas, que ben continuaron en certa medida coas formas impostas por Educación y Descanso e os grupos de Coros y Danzas da Falange Española, ou afondaron na recolleita e reconstrución da música tradicional. Nese momento recuperáronse moitas formas tradicionais, tentouse dignificar a gaita e apareceron festivais, como o Festival Internacional do Mundo Celta (1977), que contribuíron a establecer grupos musicais. Algúns grupos destes primeiros tempos que reaprenderon os estilos tradicionais foron Os Areeiras de CatoiraOs RosalesOs Campaneiros de Vilagarcía,Os Morenos de Lavadores, e Os Irmáns GraceirasAntón Corral creou un obradoiro de música popular de grande influencia na Universidade Popular de Vigo. A formación máis notoria aparecida nesta altura foi Milladoiro.

Nas últimas décadas do século XX, moitos músicos galegos comezaron a considerar que a música galega era polo menos parcialmente "céltica" en orixe, de maneira que procuraron influencias nas músicas de Irlanda e Escocia, así como da Bretaña francesa. A pesar de que esta relación é moi discutida, o resultado foi a proxección internacional da nosa música, coincidindo cun espallamento xeral da música tradicional como contestación as músicas máis comerciais.

A partir dos anos 1980 apareceron moitos grupos e cantantes novos que partindo da música tradicional a fusionaron con outras músicas, ben máis modernas (o pop ou o techno, por exemplo) ou proveniente doutras culturas, sobre todo dos chamados países celtas: Irlanda, Escocia, a Bretaña Francesa... dando a lugar unha corrente de música folk. Uxía Senlle, que comezara con Na LúaLuar na Lubre, o gaiteiro Carlos Núñez e Milladoiro foron quen máis teñen popularizado a música galega, a nivel estatal e internacional. O disco de Carlos Núñez A Irmandade das Estrelas de 1996 vendeu máis de 100.000 copias. Ao carón disto nacen, tamén, agrupacións que intentan recuperar e manter a música e baile tradicional a modo de escolas-banda do que é exemplo Abertal.

A celtificación da música galega tamén tivo nas bandas de gaitas unha importante repercusión. Estas formacións son orixe dunha forte polémica, chamada habitualmente guerra das gaitas. Os principais puntos de crítica son a súa estética, tanto visual como musical, os instrumentos empregados, e en xeral polo seu afastamento do considerado tradicional. A Real Banda de Gaitas é o máis significativo caso deste tipo de agrupacións.

Outros gaiteiros modernos son Xosé Manuel BudiñoSusana Seivane e Cristina Pato. A aparición destas dúas mulleres no mundo da gaita rompeu definitivamente coa visión estritamente masculina do gaiteiro. Outra muller con gran proxección é Mercedes Peón, posuidora dunha potente voz e que afonda tanto na reivindicación da tradición como na súa reinterpretación en linguaxes musicais modernas. Tamén xurdiron nos últimos anos grupos de pandeireiras de recoñecido prestixio, como por exemplo Leilía, ou dentro da corrente máis moderna, AnubíaFaltriqueiraIalma ou Donicelas.

                                                                                                                                          FONTE: GALIPEDIA

Óscar Suárez Carbia.JPG
  Óscar Suárez  
Reflexións sobre o proxecto

 

Algunha que outra vez, no meu día a día (incluso exercendo a miña labor como docente), escoito cousas como... "El gallego es una mie..a", "isto total, fóra de Galicia, ¿para que nos vale?", "Eso es de paletos"...

Por suposto, falo do ano 2020. Non de fai 50 anos!! E prodúceme moitísima tristeza!!

E digo eu, se eu non me quero... ¿Quen me vai querer?

Se ti non amas, respectas e coidas a túa lingua, a túa música, a túa cultura, a túa familia, os teus veciños, a túa xente...

¿Quen pretendes que o faga?

Ben! Pois esta é tamén, unha das moitas razóns, polas que decidín emprender este Proxecto. A nosa música, os nosos instrumentos, a nosa lingua... En definitiva, o noso patrimonio cultural, así como o "presente e futuro das nosas xentes", debe estar na nosa axenda de cidadáns deste mundo. Sen importar, nin ter nada que ver para este fin común ningunha outra cousa (ideoloxías, política, gustos musicais...).

Podes bailar unha muiñeira e o sábado botar unha lenta coa túa parella ou animarse cun regetón ou un rap... Todo é compatible e igual de respectable! Nunca sintas vergoña do teu! Nin cometas o tan común erro de pensar que "o de fóra " é mellor que o noso". Nada máis lonxe da realidade!!

Como dí o anuncio... "Vivamos como galegos!!"

Prestaríanos saber de ti!

Queres contarnos algo?

¡Grazas pola túa mensaxe!

bottom of page