top of page

 Ritmos Característicos 

RITMOS GALEGOS BANNER.jpg
  XÉNEROS MUSICAIS GALEGOS:  

pobo empregaba a música en moitas ocasións e por numerosos motivos: para expresar as súas inquedanzas, para transmitir normas sociais, protexerse dos males e atraer os favores divinos, celebrar acontecementos vitais, facilitar o traballo, divertirse ou facer mais levadeiros os momentos duros... Debido a que era raro o acontecemento que non servía como escusa para cantar, tocar ou bailar, xurdiron diversidade de xéneros musicais. Estas expresións musicais, ademais, están en moitas ocasións fortemente vinculadas as tradicións, ritos, traballos e aos saberes populares, e resulta imposible separalos.

Os cantos galegos máis antigos empregan unha reducida variedade de escalas. Unha mesma melodía varía de ton, entoación e incluso ritmo dependendo o intérprete e a zona xeográfica. Incluso no mesmo intérprete vai cambios; moitas melodías constrúense de xeito definitivo no momento mesmo de cantalas, sendo a interpretación individual un valor importante dentro da música galega.

Algúns xéneros non son totalmente pechados ou non están totalmente definidos, ou teñen variantes o nomes distintos ao longo da xeografía. Algúns xéneros defínense pola súa utilidade ou temática, mentres que outros veñen definidos polos ritmos, o que fai difícil a súa clasificación. As letras e melodías combínanse moitas veces libremente, e incluso unha mesma melodía adáptase a diferentes ritmos e funcións, dependendo do intérprete e da zona. Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.

  • Diversos cantos relixiosos relaciónanse coa celebración do Nadal. Os aninovos e os reis ou panxoliñas cantábanse na última noite do ano e ao redor do seis de xaneiro respectivamente. Estes últimos tiñan narraban a tradición do nacemento do neno Xesús. Posteriormente foron substituídos por vilancicos, pezas de orixe culta, con ritmo de muiñeira nova pero máis lento[3]. Todas estas cancións interpretábanse a coro e acompañados de percusión e gaita. Arrancaban cunha petición de licenza e remataban cun aguinaldo, é dicir, pedindo agasallos ou invitacións a chourizos, viño ou algunha larpeirada. Os manueles son un xénero máis moderno no que se felicita os que están de santo o primeiro de ano.

  • No entroido e na festa dos maios empregábanse a música para facer crítica e escarnio de xeito público sobre acontecementos que tiveran lugar durante o ano. Tiñan lugar representacións humorísticas e actuacións máis ou menos improvisadas. Os nenos eran os principais protagonistas dos maios, pero fosen estes ou os maiores, non era raro que se pedise tamén unha compensación económica pola interpretación ou, mais modernamente, polas follas que se repartían trala actuación.

 

zanfona era un instrumento típico dos cantos de cego

  • Os cantos de berce, de arrolo ou arrorrós eran empregados para adormecer os mais cativos da casa. Eran de ritmo pausado, e tanto podían ter unha temática infantil como tamén chegar a contar algunha historia. Outros cantos significativos eran as cancións infantís, as enumerativas e outros cantos que acompañaban os xogos dos mais pequenos.

  • Os alalás son a forma de música galega máis antiga e mellor coñecida. Cantábanse sós, sen acompañamento musical e con ritmo libre. Baséanse nun tema breve que repite a melodía que tamén se pode separar con frases de gaita. As melodías eran case sempre diatónicas.

  • Vinculados ao traballo estaban os cantos de arada, de seitura, de maza-lo liño -as espadeladas-, cantos de maza-lo leite, e para outros traballos similares. Tamén había cantos asociados a oficios concretos: cantos de arrieiro, de canteiro, de ferreiro... Estes cantos eran, ou ben de ritmo e interpretación libre, ou ben de ritmo moi marcado e axeitado ao ritmo propio de traballo e do movemento do corpo ao traballar. Deste xeito, estes cantos axudaban a levar a soidade do momento ou axeitar o ritmo de traballo moitas veces colectivo.

  • Nas vodas non faltaban expresións musicais, sendo propia delas as regueifas, denominación tanto dunha rosca co que se agasallaba á parella, un baile que se facía na súa honra, un tipo de danza no que a noiva portaba a rosca na cabeza e un canto consistente nun diálogo improvisado e con melodías propias no que se competía por ver quen quedaba sen ideas para continuar.[3] Existían outro tipos de cantos de voda, que amenizaban as celebracións, recordaban os noivos as súas obrigas ou permitíanlles aos padriños amosar a súa xenerosidade.

  • As regueifas tamén se dan fóra do ámbito das vodas, ben con coplas totalmente improvisadas, ben con letras xa coñecidas polos intérpretes. Esta última modalidade chámase desafío, e nel poden participar dous grupos que empregan as coplas a xeito de insulto e escarnio. A regueifa e o desafío eran os principais xéneros dialogados, aos que cómpre engadir as cancións de preguntas e respostas e os parrafeos, diálogos amorosos entre home e muller ou unha parodia dos mesmos, con certo carácter narrativo.

  • Os cantos de cego e romances, xunto cos cantos de entroido, supoñen unha ponte entre a música de transmisión oral e a transmisión escrita. Era frecuente que os intérpretes, tras a actuación, vendesen a letra impresa; era o que se deu en chamar literatura de cordel, por estaren atadas nunha corda as follas coas letras. Deste xeito, os romances quedaban fixados e eran menos proclives a cambios por defectos da transmisión. Os romances tanto eran comúns á tradición peninsular, adaptándoos a melodías preexistentes, como específicos de Galicia ou incluso de temática totalmente local.[3] Eran claramente narrativos, e tanto servían para narraren sucesos históricos, noticias da época ou asuntos locais, en ocasións con intención moralizante.

  RITMOS  CARACTERÍSTICOS 

Moitos dos xéneros musicais galegos eran bailables. Algúns, de feito, distínguese maiormente polo seu xeito de bailar, aínda que non haxa unha diferenza formal substancial. Interpretábanse tanto cantando como instrumentalmente, sendo esta última variante menos habitual

  • Modernamente, a composición máis popular e característica é a muiñeira nova, ou simplemente, muiñeira. É un ritmo rápido cun compás de 6/8. Variantes son a carballesa (ritmo moi marcado), a ribeirana (ritmo vivo), a redonda, a chouteira, o golpe (ritmo pausado) e o contrapaso, que se diferencian pola maneira de bailalas. Estas diferenciacións son postas en dúbida nalgúns estudos: Anxo Martínez San Martín[4] afirma que moitas destas formas, se algunha vez existiron, desapareceron da tradición hai moito tempo. Pola súas melodías e o seu compás complexo dedúcese que a súa orixe é probablemente culta, estando xa espallada no século XVIII[3].

  • muiñeira vella, chamada tamén empuñada polo xeito de tocala coa pandeireta, é un ritmo terciario vivo, onde se acentúa a segunda nota. A súa orixe é anterior á muiñeira nova, pero na actualidade está menos espallada.

  • As pandeiradas teñen certa relación coa muiñeira, mais o seu compás propio é o de 5/4, aínda que se poden ver en 6/8 ou 4/4.

  • alborada é unha composición instrumental que se escribe en 2/4 e se caracteriza por unha serie de frases descendentes. Úsanse para comezar as celebracións do día, como di o seu nome, e carecen de letra. Moi semellantes son os pasarrúas e pasacorredoiras.

  • xota é un ritmo en 6/8 (ou tamén transcrito en 3/4) sumamente espallado por toda a xeografía peninsular. En Galicia é, xunto coa muiñeira, un dos ritmos máis bailados e cantados. A foliada é unha canción alegre que se toca preferentemente nas romarías. Considérase unha variante da xota, cun tempo máis pousado, inda que certos autores a tratan como unha denominación mais para o mesmo concepto.

  • Co pasar do tempo chegaron a Galicia máis ritmos que se chegaron a ter moita aceptación entre o pobo. Xenericamente se lles chamou agarrados polo xeito de se bailar. Orixinalmente eran ritmos de orixe americana, europea ou peninsular, os que se lles adaptaba unha melodía galega e se interpretaban cos instrumentos tradicionais. O pasodobre, por exemplo, é unha variación do pasodobre español, ao que se lle incorpora a gaita. As polcas estendéronse por Galiza procedentes de Europa durante o século XIX. O seu compás é o 2/4 e son máis melodiosas que as orixinais.

  • Outra influencia importante foron as melodías e ritmos portugueses. En épocas de seitura ou en épocas mais modernas, cando unha obra civil o precisaba, traballadores portugueses desprazábanse a Galicia. Eran populares os xogos para adultos procedentes de Portugal, ou as treboadas. No sur do territorio galego esta influencia é, por motivos xeográficos, máis marcada.

INTERPRETACIÓN:

As interpretacións musicais non sempre eran totalmente formais: existía sempre un certo grao de improvisación, sobre todo naqueles xéneros propensos á espontaneidade. Durante unha pandeiretada, por exemplo, un intérprete comezaba unha copla, que era recoñecida polos demais que se unían no segundo ou terceiro verso. Cabía a posibilidade incluso de improvisala enteiramente, baseándose en esquemas previas ou coplas xa existentes, adaptando o seu contido á ocasión. Mediante sinais os músicos indicaban a fin da peza, ou cunha copla que o indicase expresamente. Durante a interpretación os cantantes podían falar entre eles ou lanzar un aturuxo, un berro prolongado que se botaba para animar os músicos ou os bailaríns durante a interpretación dunha danza ou peza festiva.

Músicos_antigos.jpg
bottom of page