Ritmos Característicos
Ed. Musical
Óscar Suárez Carbia
CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo - A Coruña)
Instrumentos de Percusión Tradicional Galega
O bombo confeccionase cun gran cilindro de madeira con dúas
membranas de pel. Tócase cunha única maza e leva o ritmo
principal acompañando a gaita, pero nunca superando o son desta.
O tamboril é similar ao bombo, pero de moito menor tamaño e polo
tanto, de son mais agudo, e tánxese con dúas baquetas. Ten bordóns
só na parte superior. A medida que as pezas, instrumentos e formacións
foráneas foron introducíndose na cultura galega, os tamborís foron
substituídos por redobrantes de son máis seco, como a caixa, que permite
redobres máis nítidos e doados. Desde comezos do século vinte regrésase
ao uso de tambores de madeira e pel como acompañantes da gaita, facendo
aparición o tambor galego actual, evolucionado desde os antigos tamborís[2].
O pandeiro (semellante ao adufe portugués) é cadrado, ten dúas caras e no
seu interior colócanse os axóuxeres que acompañan o son do parche.
Interprétase apoiando nunha man e tanxido pola outra, facendo a man de
apoio tamén golpes sinxelos. Outros tócano apoiado no colo ou atado cunha
cinta ao pescozo, sendo este un xeito de tocar máis moderno.
A pandeireta é un instrumento tradicionalmente feminino e consiste nun aro
de madeira con dúas filas de pares de ferreñas alternadas. Do aro cóbrese só
unha cara, que é a que se golpea contra o pulso, a palma da man ou os extremos
dos dedos. O xeito de tocalo depende das zonas e do intérprete, e tanto acompaña
outros instrumentos como serve de único acompañamento para a interpretación
de cancións. O seu pequeno tamaño, a súa versatilidade e o relativamente barato
da súa construción fixo que actualmente sexa un instrumento moi popular.
A pandeira, é unha mistura de pandeiro e pandeireta. Moi típica dos Ancares,
consiste nunha tipoloxía de pandeiro redondo, (duns 40-50 cm de diámetro e
8-12 cm de alto), pero con ferreñas. Resaltar que, a pequena pandeireta actual
comparte denominación nalgunhas zonas de Galicia coa pandeira. Polo que é
difícil saber cando as coplas tradicionais se refiren a un ou outro instrumento.
Dúas cunchas de vieira rascadas unha contra outra tamén poden
acompañar calquera peza, así como as tarrañolas, que son dúas
lamelas de madeira ou incluso xisto.
O charrasco, un instrumento menos empregado na actualidade.
Consiste nun mango longo de madeira, en cuxo extremo superior vai un
rectángulo de madeira, onde se sitúan un número variable de ferreñas.
Un arame vai da parte superior á inferior pasando por un pau transversal
que o tensa. Cun pau golpéase ou rózase o arame, e ao tempo golpease
o instrumento enteiro contra o chan. O seu uso segue sendo máis habitual
actualmente, nas charangas de Nadal. É especialmente característico,
da zona das Rías baixas).
Se tés interés por coñecer un montón máis de instrumentos musicais da nosa
tradición galega, non deixes de visitar a web do "Consello da Cultura Galega".
Ten un apartado riquísimo adicado especialmente a toda esta materia, con imaxes,
vídeos tocando os diferentes instrumentos... E todo o que temos recollido sobre a
orixe de cada instrumento, como e cando os tocaban os nosos antepasados etc.